Thursday 16 de May de 2024

Feijóo destaca o carácter emprendedor das empresas galegas como clave para que Galicia siga batendo récords de exportacións


Precisa que de xaneiro a abril as vendas ao exterior medraron un 10,8%, un punto máis que a media de España e Galicia logrou a segunda mellor balanza comercial de todo o Estado, ao sumar preto de 1400 millóns de euros no que vai de ano

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou no encontro empresarial con motivo do 40 aniversario da Confederación de Empresarios da Coruña, o carácter emprendedor das empresas galegas como elemento clave para que Galicia siga a bater novos récords de exportacións, como apuntan os últimos datos correspondentes ao primeiro cuadrimestre de 2017.

Ao respecto, Feijóo precisou que de xaneiro a abril as vendas ao exterior medraron un 10,8%, un punto máis que a media de España; Galicia logrou a segunda mellor balanza comercial de todo o Estado, ao sumar preto de 1400 millóns de euros no que vai de ano; e, no mes de abril, as exportacións subiron un 4,3% con respecto ao ano pasado, mentres que no conxunto de España baixaron un 2%.

Diante destas cifras, incidiu en que se o papel das empresas foi fundamental durante a crise para buscar no mercado exterior novos nichos de negocio, segue a selo agora, cando innovar e saír fóra do mercado doméstico se volveu xa unha tarefa obrigada para consolidar o crecemento económico. “Sabedes da importancia que ten apostar pola innovación cando o cliente demanda calidade, novidade e valor engadido; e tedes ben presente que o termo internacional debe acuñar cada un dos vosos retos comerciais”, abundou.

Así mesmo, salientou que estes valores están presentes na Confederación de Empresarios da Coruña, unha organización que, desde a súa orixe, é consciente de que con inercia ou pasividade non se gaña nada e que, pola contra, é a iniciativa e a capacidade para emprender a que move a economía.

Nesta liña, referiuse á recente viaxe institucional a China, na que a delegación da Xunta estivo acompañada por unha trintena de empresas do sector agroalimentario galego, como un exemplo do esforzo por buscar novos mercados e novas oportunidades de expansión comercial.

“A semana pasada, Galicia puxo unha pica en China. Estivo alí presente a través das súas principais empresas de alimentación e a través dun Goberno disposto a poñer en valor as capacidades da industria galega ante grandes multinacionais chinesas da rama conserveira, agroalimentaria ou da maquinaria pesada que, en casos como o de Citic ou a matriz de Albo, xa teñen o pé posto na nosa terra”, dixo, facendo fincapé en que dalgún xeito, o que se fixo nesta viaxe é imitar o camiño tantas veces andado por aqueles primeiros emprendedores galegos que foron quen de consumar grandes proxectos empresariais que chegan ata os nosos días.

Sobre este punto, destacou tamén a importancia de que o talento dos profesionais da industria galega e o seu nivel tecnolóxico vaia acompañado dun esforzo administrativo para que as empresas que queiran instalarse en Galicia non se atopen con trabas burocráticas e dispoñan de solo industrial de baixo custo onde establecerse.

O responsable do Goberno galego concluíu destacando o labor de José Pablo Rodríguez-Martiñán e José Freire Vázquez, ex- presidentes desta confederación de empresarios, “porque xa daquela entenderon que era crucial o labor a desempeñar polos empresarios, nunha Galicia que naqueles anos reivindicaba o autogoberno e poñía os cimentos da súa industria”.